Buscar/Hemeroteca

viernes, 10 de febrero de 2017

Mexillón de Galicia, mellor libro de gastronomía de España

“Mexillón de Galicia” obtivo o premio ao mellor libro de gastronomía de España na modalidade de fotografía. O galardón, outorgado pola organización Gourmand International, permitirá a esta publicación, promovida e editada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, e ilustrada con fotografías de Xurxo Lobato, estar presente os días 27 e 28 de maio na cidade china de Yantai, onde se celebrará a Gourmand Awards Ceremony.

No marco desa cerimonia entregaranse os Gourmand Awards, considerados como os premios máis prestixiosos do mundo editorial no ámbito da gastronomía e os viños. A esa gala concorrerán libros de 211 países, entre eles “Mexillón de Galicia”. Un xurado será o encargado de elixir entre todos os aspirantes ao mellor libro de cociña e de viños publicado no mundo durante 2016.

Segundo datos da organización, a entrega destes premios concita a presenza de relevantes personaxes de ámbito da gastronomía e os libros, así como xornalistas do sector e cociñeiros de todo o mundo.

Os Gourmand World Cookbook Awards foron fundados en 1995 por Edouard Cointreau e é a única competición destas características que existe no mundo.

No hay comentarios: