Medio Rural reafirma o seu apoio ao Ribeiro

Na adega Pousadoiro
No contexto da visita á adega Pousadoiro, situada no concello ourensán de Castrelo de Miño, e a cooperativa Viña Costeira, en Ribadavia, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, reiterou o compromiso da Xunta a prol do sector vitivinícola galego, que se plasma tanto a través de axudas para o fomento desta actividade e cara a súa promoción e internacionalización como con medidas destinadas a favorecer a transformación e comercialización da súa produción. 

Así, lembrou que a Xunta destina na convocatoria de 2017 un total de 27,4 millóns de euros en achegas para apoiar a transformación dos produtos agroalimentarios galegos en xeral, que se resolverá en breve, e os viños en particular, xa que destas achegas poden beneficiarse tamén as adegas. Estes fondos farán posible un investimento inducido no agro galego duns 128 millóns de euros.

Ángeles Vázquez sinalou que no sector vitivinícola galego o Ribeiro ocupa un lugar destacado, sendo ademais unha das zonas que maior traxectoria histórica atesoura. Por isto, a Xunta vén colaborando co consello regulador tanto no fomento da produción como en materia de promoción e control do viño certificado.

Nesta liña de cooperación, a Consellería ven de ceder parte do inmoble da Oficina Agraria Comarcal de Ribadavia ao consello regulador, co fin de que serva como sede desta entidade. A conselleira formalizou hoxe esta cesión, coa sinatura do correspondente documento oficial. Son en total algo máis de 700 metros cadrados nas plantas segunda e baixo cuberta deste edificio, situado en pleno centro da capital do Ribeiro.