Loita contra o cancro do castiñeiro

A Consellería do Medio Rural prevé inocular ao longo deste ano 2017 uns 26.000 castiñeiros con cepas hipovirulentas para facer fronte ao cancro do castiñeiro e así preservar os soutos da xeografía galega. Así o destacou no Parlamento o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, que sinalou que os resultados acadados ata o de agora eran moi satisfactorios.
O director xeral explicou que dende que se puxo en marcha este tratamento no ano 2011 en colaboración coa Deputación de Pontevedra -a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro- pasouse de ter 93 solicitudes por parte de particulares a máis de 1.500 no ano 2016, onde se trataron 16.037 castiñeiros. Segundo comentou Fernández-Couto, no que vai de ano recibíronse máis de 700 solicitudes e tratáronse preto de 3.300 castiñeiros, que sumados aos que se levan inoculado dende 2011 fai un total de preto de 70.000 árbores.

Estes traballos de inoculación, explicou, xurdiron no ano 2003 cun primeiro estudo profundo da natureza e distribución deste fungo na nosa comunidade autónoma, co obxecto de atopar as cepas hipovirulentas que permitisen controlar e diminuír esta enfermidade ao estar en contacto coas cepas daniñas. Logo de desenvolver os inóculos hipovirulentos, procedeuse a levar a cabo estes tratamentos en parcelas experimentais e vistos os resultados positivos acadados comezouse a traballar fóra destas parcelas no 2011 para así sanear os soutos públicos e privados.

Tomás Fernández-Couto sinalou que estes traballos realízanse fóra do período de altas temperaturas e baixa humidade, polo que se dividen en dúas tandas. Por unha parte, do 1 de febreiro ao 15 de xullo (aproximadamente) e logo do 15 de setembro ao 15 de decembro. Uns períodos, remarcou, que dependen das condicións meteorolóxicas e que, polo tanto, se poden ver alargados ou reducidos.