EVEGA e AGE catan en Enomaq

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), adscrita á Consellería do Medio Rural, e a Asociación Galega de Enólogos (Age) organizaron unha cata de viños brancos galegos no marco do 21 Salón internacional de maquinaria e equipos para bodegas e do embotellado (Enomaq), que se celebra ata o vindeiro venres en Zaragoza.

L. Buitrón, J. Casares y P. Estévez
Esta cata fíxose cos viños que resultaron gañadores no I Certame internacional de brancos galegos celebrado os días 8, 9 e 10 do pasado mes de novembro de 2016 en Ourense. No acto levouse a cabo unha presentación e exposición das características das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia e catáronse os viños das adegas gañadoras neste concurso: Dolores Fontán Limeres; Bodegas Martín Códax, S. A. U.; Enoturismo Acha S. L. - Davide (os tres da Denominación de Orixe Rías Baixas) e a adega Amodiño, S. L., pertencente á Denominación de Orixe Ribeiro.

Ademais, nesta mesma cita de Zaragoza realizouse unha cata e presentación do viño branco Evega 2015, o primeiro de carácter institucional que elaborou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia con fins protocolarios e que foi presentado publicamente o pasado 20 de maio de 2016.