Ata o 24 de febreiro poderase votar polo cartel do Arde Lvcvs 2017

Buscando facer cómplice e partícipe á sociedade na elección da imaxe do Arde Lvcvs 2017, a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, abriu a votación popular do concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador desta festa declarada de interese turístico galego.

Ata o venres, 24 de febreiro, ás 12:00 horas poderase votar a través da rede social Facebook, www.facebook.com/ardelucuslugo, premendo no botón de gústame que aparece na imaxe de cada un dos carteis.

O fallo levarase a cabo o 27 de febreiro ás 11:00 horas na Casa da Xuventude. Tras a votación popular, un xurado formado por tres persoas expertas seleccionará, entre as 10 de maior puntuación, a obra gañadora. Como en edicións anteriores, o premio para o gañador ou gañadora ascende a 1.000 euros, sendo o traballo que anuncie esta festa nesta edición.

Para máis información sobre o Arde Lvcvs, pódese consultar a páxina web www.ardelucus.com e as contas oficiais nas redes sociais facebook, twitter, instagram e youtube.