O Consello da Xunta deu luz verde á declaración como ben de interese cultural do Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Noalla, do concello de Sanxenxo (Pontevedra). O uso principal e histórico desta casa foi ser a casa principal dos Paadín, tamén o de espazo de lecer ou instalación complexa agropecuaria, ademais de residencia ocasional e lugar de veraneo para a anterior familia propietaria.
Despois de que o Concello de Sanxenxo a adquirise comezou a redactar un plan director e un proxecto de restauración para recuperar o edificio principal para usos públicos e a declaración como ben de interese cultural comprende tanto o inmoble e as súas partes integrantes como a contorna e os bens mobles e documentación.
O Pazo de Quintáns é un singular pazo que exemplifica a relación dun edificio relevante co seu contorno, é o lugar de referencia da antiga xurisdición da Lanzada, terra de vida e comercio desde o século VIII antes de Cristo, como evidencian as escavacións históricas e recentes do xacemento costeiro.
De estilo barroco, o pazo conta con planta en forma de L, unha galería significativa de 19 vans e 250 vidros e cuberta a 8 augas, pola peculiar configuración do inmoble, froito das sucesivas reformas, a máis importante acometida no século XVII.
A estrutura do conxunto parece proceder da posible orixe deste, a torre do Casal de Moldes. Neste momento, o complexo do pazo está composto polo edificio deste, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo, ademais dos espazos verdes: patios, praza frontal, xardín e horta murada.
Das partes integrantes do complexo cómpre salientar os escudos nobiliarios das fachadas sur e leste, que presentan dous escudos nobiliarios, con referencias aos símbolos das familias Paadín, Valladares, Andrade ou Freire de Andrade, Ponte ou Aponte.
O expediente de declaración BIC fai referencia tamén á casa de caseiros, probablemente da segunda metade do século XIX; ao hórreo de cantaría, datado a inicios do século XX e con dúas plantas, e á capela, unha pequena construción de cantaría con bóveda de canón e na cal se venera a imaxe en pedra da Virxe da Quinta Angustia