62.000 para a reparación do Mosteiro de Sobrado dos Monxes

Para a reparación integral da cuberta do claustro de peregrinos do mosteiro de Sobrado dos Monxes a Deputación da Coruña investirá 62.000 euros según anunciou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou ao cenobio acompañado polo alcalde da localidade, Lisardo Santos, polo deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e polo prior Carlos Gutiérrez.

Estas obras completarán as reformas xa levadas a cabo pola Deputación na ala norte do claustro e suporán a renovación integral da cuberta con tella vermella de cerámica curva, de similares características á existente na actualidade. O novo proxecto contempla cuberta das alas sur, este e oeste do claustro, que presentan un elevado grao de deterioro debido ao paso do tempo e á falta de mantemento, e que supoñen un perigo evidente pola posibilidade de desprendemento das tellas nun lugar cunha afluencia constante de visitantes. 

González Formoso destacou "o inmenso valor patrimonial do mosteiro de Sobrado", o único monumento da nosa provincia, xunto á Torre de Hércules, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco e expresou o compromiso da Deputación para "completar as obras de rehabilitación da cuberta do claustro de peregrinos e abordar un proxecto que mellore a accesibilidade nas numerosas visitas que recibe cada ano".

Para a mellora da accesibilidade no itinerario do percorrido turístico que as visitas realizan ao cenobio, o presidente provincial entregou ao prior unha copia do proxecto elaborado polos servizos de Arquitectura da Deputación co obxecto de que as persoas con mobilidade reducida ou cadeiras de rodas podan realizalo sen problemas. Este proxecto será enviado tamén a Patrimonio para o seu estudo e avaliación.