Ruta da Lamprea con nova sinalización

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Arbo, Horacio Gil, visitaron a Ruta da Lamprea no seu paso polo concello para comprobar o resultado da súa nova sinalización turística. O obxectivo desta sinalización é mellorar a accesibilidade aos puntos que integran os diversos itinerarios desta Ruta que atravesa un total de dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre.

A actuación consistiu na colocación, por unha parte, de sinalización dinámica informativa en estradas, a través de paneis promocionais, e, por outra, de sinalización estática situado ao principio de cada un dos itinerarios e en zonas céntricas ou de máxima afluencia de visitantes dos concellos que albergan a Ruta da Lamprea, a través de paneis interpretativos.

Así, foron instalados por Turismo de Galicia un total de 30 paneis interpretativos e 5 paneis promocionais. Destes, cinco sitúanse no río Tambre, once no río Ulla e dezanove no río Miño. 

Con esta sinalización, o dito departamento da Xunta pon en valor esta Ruta da Lamprea, un produto turístico innovador e diferenciador que combina o compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas dos tres ríos coa visita a lugares de interese natural e cultural a súa contorna. 

Así, a través da mesma pódense descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos ao redor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.

Deste xeito, este produto turístico da a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos. Así mesmo, a ruta ofrece multitude de restaurantes que permiten degustar este manxar de maneiras moi diversas. 

Con todo, a Ruta da Lamprea constitúe un produto turístico que potencia a oferta turística dos dezaoito municipios que integra a través de diversos itinerarios que aglutinan diferentes recursos que conxuntamente constitúen un gran atractivo.