Presentación da Ruta do Medievo en FITUR

A Deputación da Coruña presentará a Ruta do Medievo ou Camiño Betanzos a Santo André na programación oficial da Feira Internacional de Turismo -Fitur- que se desenvolve do 18 ao 22 de xaneiro.

O "Camiño Medieval", acto promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña, será presentado polo presidente da Fundación Santo André de Teixido, Ramón Tudela, dentro do programa oficial de Fitur, no marco dunha presentación que se desenvolverá o vindeiro día 18 de xaneiro a partir das 10.30 horas.

A presentación oficial da área de Turismo da Deputación da Coruña, da que é responsable o deputado Xosé Regueira, centrarase en tres camiños que percorren o territorio da provincia. Dous deles, o Camiño Inglés e o Fisterra-Muxía están xa instalados no mapa das peregrinaxes mais será, sen dúbida, a Ruta do Medievo, o camiño que vai desde Betanzos até Santo André de Teixido, o que máis sorprenderá neste acto de promoción nun dos máis relevantes escaparates mundiais do turismo.

O Camiño Medieval trátase dunha senda de comunicación entre os dous centros de peregrinación que son Santo André de Teixido e Santiago de Compostela, contando como eixe de conexión a capital do antigo Reino de Galicia, Betanzos.

Transcorre polo norte da provincia da Coruña, desde a vila de Betanzos e o frondoso enclave do Coto de Chelo, até a incomparable paisaxe formada pola Serra da Capelada e o enclave de Teixido.

O camiño atravesa vales e zonas baixas da Galiza interior, onde son frecuentes os bosques de carballos, castiñeiros e piñeiros, xunto á verde vexetación das zonas húmidas da ribeira que corren paralelas aos ríos galegos. Durante o seu percorrido son numerosas as manifestacións do patrimonio cultural e artístico como o mosteiro de Monfero e Caaveiro, no Parque Natural As Fragas do Eume; os castelos de Naraío e Moeche e, xa case ao final, no extremo norte da provincia, Santo André de Teixido, centro de peregrinaxe nun vertixinoso emprazamento.

O percorrido remata na Serra da Capelada, espazo de natureza salvaxe con mandas de cabalos en liberdade e acantilados que caen directamente ao mar. Alí atópanse os acantilados de Vixía Herbeira, que son os que teñen unha maior cota sobre o nivel do mar da Europa continental, con 613 metros de altura.