O Museo de Pontevedra incrementa nun 30 % as visitas en 2016


En 2016 o Museo de Pontevedra rexistrou as mellores cifras en canto á afluencia de visitantes dos últimos anos, finalizando o ano cun total de 107.478 visitas. 

Este incremento está directamente ligado á reapertura das Ruínas de San Domingos, e as exposicións temporais do Sexto Edificio que supuxeron un aumento do 45,7 % con respecto a 2015. En total foron 48.123 as persoas que visitaron as mostras temporais, cuxo eixe fundamental foron as dúas grandes exposicións programadas para conmemorar o Ano Castelao: "Castelao Artista" e "Meu Pontevedra", que centraron a programación entre o 1 de abril e o 11 de setembro.

"Á vista destes datos estamos traballando na boa dirección para converter este Museo nunha referencia, xa non só a nivel provincial senón a nivel galego e internacional", asegurou Xosé Leal tras coñecer o balance. O deputado nacionalista engadiu a este respecto que "procuraremos, nun ano tan importante como é o 2017, o Ano do Patrimonio, visualizar que este Museo alberga unha das coleccións máis completas e valiosas para comprender a cultura galega a través de toda a súa historia, desde a arte castrexa ata os tempos actuais".