A Xunta invistiu máis de 2 millóns de euros na rehabilitación do Castelo de Pambre

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que visitou o castelo de Pambre, icono das revoltas Irmandiñas, salientou a importancia das obras de rehabilitación que levou a cabo o departamento que dirixe para que “este monumento da comarca da Ulloa poida estar aberto ao público para posibilitar a visita a este ben de interese cultural que ademais de ser un dos poucos exemplos da arquitectura militar do medievo galego que se conservan, tamén é un punto de interese significativo para os peregrinos”.

As actuacións levadas a cabo no castelo de Pambre contan cun orzamento de máis de 2,1 millóns de euros para a realización de obras de rehabilitación que incluíron intervencións arqueolóxicas, recuperación das estruturas murais, mellora do acceso ás principais zonas da fortificación e a rehabilitación da zona residencial existente. Ademais, Turismo de Galicia executou actuacións complementarias aos principais traballos de rehabilitación para facilitar as visitas, a visión do castelo e a súa seguridade. 

Unha das actuacións máis importantes incluídas nestas obras de rehabilitación do castelo de Pambre foi, segundo manifestou Nava Castro, a dotación dun centro de interpretación integrado en catro salas distintas para albergar unha proxección multimedia, a ilustración da relación do castelo co medio físico e natural, “facendo fincapé co vínculo que ten co Camiño de Santiago, información sobre a Idade Media galega relacionada coas familias nobiliarias e o poder eclesiástico e, finalmente un espazo destinado ao propio Castelo e á súa historia ata os nosos días”, engadiu a directora de Turismo de Galicia.