A náutica recreativa increméntase en Galicia

Os portos de titularidade autonómica de Galicia recibiron un total de 8.167 embarcacións náutico recreativas en tránsito durante o pasado ano 2016. Así o contempla o balance anual realizado por Portos de Galicia.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas autonómicas, comprendidas entre Ribadeo e Tui, incrementaron nun 4% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nos portos autonómicos un total de 7.860 barcos destas características. 

Deste xeito, a costa galega confirma a consolidación desta actividade portuaria que vén mantendo unha permanente tendencia á alza nos últimos anos. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, con predominancia das francesas, seguidas de británicas. 

Nunha análise porto a porto, os clubes náuticos con maior rexistro de tránsitos foron o do porto de Muros, con 686, A Pobra con 500 tránsitos, Ribadeo con 458 e o porto deportivo de Baiona con 456. Por comarcas, a Costa da Morte mantivo as boas cifras dos seus dous portos deportivos con 328 barcos en Muxía e 446 en Camariñas, o quinto posicionado en número de barcos. Tamén destaca o incremento experimentado na ría de Noia, onde se acadaron 868 tránsitos -entre os peiraos de Muros e Portosín-. 

A ría de Pontevedra situouse á cabeza desta actividade cun total de 1.253 embarcacións, destacando o porto de Sanxenxo (Nauta Sanxenxo) que pasou das 399 ás 445 embarcacións. Por provincias destaca a de Pontevedra cun rexistro de 2.536 embarcacións.