Turismo de Galicia participa na International Luxury Travel Market

A cidade francesa de Cannes acolle, ata o próximo día 8 de decembro, o certame turístico especializado en turismo de negocios International Luxury Travel Market (ILTM), no que participa Turismo de Galicia para promover a oferta galega deste segmento entre os operadores especializados máis importantes do mundo.

Turismo de Galicia está presente nesta XV edición da ITLM a través dun espazo no que presenta a oferta galega no ámbito dos congresos, convencións e reunións de empresa. Así mesmo, no marco deste certame manterá unha axenda de xuntanzas con axentes internacionais especializados na comercialización desta modalidade turística.

Con esta feira, Turismo de Galicia pecha o calendario anual de actividades relacionadas coa promoción do turismo de negocios segundo o que o departamento de Turismo da Xunta participou nos principais acontecementos nacionais e internacionais relativos á comercialización deste xénero turístico.