Servizo especial de recollida de residuos de hostalería en A Coruña polo Nadal

Este xoves, 1 de decembro, a Concellería de Medio Ambiente, área que dirixe María García, inicia a campaña especial de limpeza de Nadal, na que o Goberno local reforzará o servizo de recollida de residuos tanto na zona centro da cidade como nos distritos comerciais dos Mallos, rúa Barcelona, e Catro Camiños - A Gaiteira. A ampliación deste servizo sobre o habitual inclúe tanto a recollida porta a porta de papel e cartón comercial, como de vidro e refugallos de materia orgánica e inorgánica. 


Esta intensificación na recolección dos residuos, que terá lugar ata o 7de xaneiro de 2017, estará acompañada dunha serie actuacións informativas e de sensibilización sobre a relevancia da reciclaxe e da separación en orixe do lixo. "A proposta ten como obxectivo abordar a xestión dos residuos dunha maneira máis eficiente e mellorar a convivencia entre os negocios e a veciñanza, dando resposta así a unha amplia demanda tanto da cidadanía como dos propios axentes implicados, como así nos trasladan as asociacións hostaleiras que están en contacto coa Concellería", sinala a titular da Área de Medio Ambiente, María García. A edil iniciou a semana pasada unha serie de xuntanzas con asociacións de comercio e hostalería da cidade coa finalidade de presentarlles esta campaña, "que tivo moi boa acollida no Nadal de 2015 e no verán", así como coordinar con elas o desenvolvemento destas actuacións, que suporán o incremento da conteneurización nas zonas de maior concentración hostaleira e que, a petición das propias entidades, incluirán modificacións nos percorridos da recollida porta a porta respecto ao ano pasado.


A iniciativa desenvolverase no centro urbano da cidade, zona que rexistra unha maior de concentración de negocios hostaleiros, así como no resto de distritos comerciais na Coruña Na zona centro, que comprende desde a rúa Juana de Vega ata a avenida de Metrosidero --e que inclúe San Andrés, rúa e costa de San Agustín, Maestranza, Amargura, Porta Real, Avenida da Mariña, Méndez Núñez e Cantóns--, establecerase unha recollida especial de material orgánico e inorgánico. Así, ademais de depositar estes residuos nos seus respectivos colectores no horario habitual de outubro a maio --de 20.00 a 00.00 horas da noite--, coa finalidade de evitar a acumulación de residuos no interior dos establecementos, a hostalería poderá depositar os restoa desde as 15.00 até as 17.00 horas tanto nestes contedores como nos portátiles distribuídos polo Concello.


Esta actuación estará acompañada dun proceso de recollida selectiva porta a porta de vidro, que terá lugar os luns, mércores, venres e domingos, agás nos festivos, de 10.00 a 14.00 horas; e unha de papel e cartón comercial, que se celebrá a diario, agás domingos e festivos, no mesmo horario. Ambas están destinadas tanto para a hostalería como para o comercio do centro.


O dispositivo especial activado por Medio Ambiente tamén chegará ás zonas dos Mallos, rúa Barcelona - As Conchiñas, e A Gaiteira - Catro Camiños, cuxos establecementos tamén se poderán acoller á recollida de cartón comercial porta a porta depositando os residuos deste material diante do seu local, de 10.00 a 14.00 horas --agás domingos e festivos--. Fóra deste horario, deberán depositalos nos colectores destinados a este fin.