Nova instrución sobre os aforos dos locais en Santiago

Co obxectivo é unificar os criterios, a partir do Código Técnico de Edificación que marca que a forma de evacuación dos locais ten que ser o que determine o seu aforo, máis alá das súas dimensións, a mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna rematou cun acordo para a aprobación dunha nova instrución sobre os aforos dos locais.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que a instrución, que irá canto antes á Xunta de Goberno, "bebe da filosofía adoptada polo Concello de Madrid despois da traxedia do Madrid Arena", e pretende acabar coa inseguridade que lles afectaba a moitos locais que estaban no marco dunha lexislación pasada.

Nesa liña, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que a instrución que hoxe recibiu o respaldo da mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna "permitirá que todos os establecementos se guíen por unha única normativa de aforos, sen ter en conta de que ano é a súa licenza". Jorge Duarte explicou que a aprobación deste texto está ademais amparada no artigo 74 do decreto que desenvolve a Lei de Emprendemento de Galicia, que entrou en vigor onte mesmo, e que sinala que os concellos poden ditar instrucións que unifiquen criterios normativos dispersos. Ese mesmo decreto, apuntou o edil, dálle aos concellos un prazo de nove meses para desenvolver ordenanzas que clarifiquen todos os aspectos relacionados coas actividades de ocio e espectáculos públicos. Segundo sinalou Duarte, o Goberno de Santiago "empezará hoxe mesmo a traballar nesa nova ordenanza, tendo en contar as opinións do sector e tamén da representación da veciñanza".

Tamén mostrou a súa satisfacción cos resultados da mesa de diálogo o voceiro dos hostaleiros, Ramón García: "porque por fin se atende a demanda de ter unha norma clara que permita adaptar os aforos á realidade social actual, que lles permita aos locais saber cales son as condutas que deben adoptar e as infraccións que poden cometer". Nese sentido, incidiu en que "a regulación proposta polo Goberno é a regulación lóxica, porque non ten sentido que locais con 100 metros cadrados teñan un aforo de só 30 persoas".

Doutra banda, Ramón García adiantou o compromiso expresado polo sector na mesa de diálogo para poñer en marcha unha campaña de concienciación contra o ruído nocturno "tendo en conta que as queixas da veciñanza teñen que ver co ruído que se produce na rúa, e non no interior dos locais".

A mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna volverase reunir na terceira semana de xaneiro, para seguir avanzando noutros asuntos como a tipificación das sancións ou o decreto de zonas saturadas.