Nairoa pecha o ciclo Cata a Arte

Bodegas Nairoa presentou dous dos seus viños brancos Alberte 2015 e Val de Nairoa 2015 da man do seu xerente, Guillermo Díez, para unha abarrotada sala na última sesión do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, os viños estiveron acompañados do afamado dúo musical Blues do País. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición conxunta do fotógrafo Rubén Vilanova e do pintor Tonho Ferreiro, “A man verde”.

Nesta terceira edición de "Cata a Arte", incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colaborase cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoiaron esta iniciativa entraron en sorteos de lotes de viño das adegas participantes. 

O vindeiro 13 de decembro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as seis xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O ciclo rematou coa súa última sesión, levando realizado eventos todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.