Medio Rural incrementa a partida para promocionar os viños galegos

A Xunta reforzará en 2017 a promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada, entre eles de xeito especial os viños. Así llelo trasladou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, aos responsables dos 5 consellos reguladores de viños de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras), cos que se reuniu este mediodía en Santiago.

A conselleira explicou que o capítulo dedicado á promoción nos orzamentos do vindeiro ano terá un montante próximo aos 8 millóns de euros, medrando tanto a partida correspondente ás accións que executa directamente Medio Rural como a destinada a apoiar actividades realizadas polos consellos reguladores ou asociacións sectoriais.

No primeiro caso –accións directas da Consellería–, o presuposto increméntase en case un 35% ata superar os 800.000 euros. Destinaranse a campañas publicitarias, asistencia a feiras e organización de diferentes eventos, como as catas dos viños, augardentes, queixos e meles. No que atinxe ao apoio aos consellos reguladores, o incremento sitúase no 32% en relación coa partida de 2016, sendo a achega total para 2017 de 3,5 millóns de euros.

Ángeles Vázquez vinculou este esforzo da Administración co carácter estratéxico que o sector do viño ten para o agro galego e, neste mesmo contexto, salientou que Galicia recibirá 1 millón de euros na vindeira convocatoria de axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo. Estes fondos permitirán actuar nunhas 100 hectáreas, con tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión das plantacións. 

A conselleira sinalou que estas achegas son de gran importancia para o noso sector vinícola, pois grazas aos reaxustes estruturais que se levan a cabo conséguese diminuír os custes de produción nas explotacións e, ao tempo, favorécese o aumento da profesionalización dos viticultores e a remuda xeracional. Lembrou tamén que no período 2000-2015 beneficiáronse destas axudas un total de 9.300 viticultores galegos e que a superficie afectada superou as 4.000 hectáreas, cunha achega total de 60,6 millóns de euros.