I Encontro Internacional do Camiño Inglés

www.dicoruna.es
O I Encontro Internacional do Camiño Inglés materializouse nunha viaxe de familiarización na que representantes de entidades promotoras do Camiño en 14 países, entre eles Canadá, Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, Sudáfrica, Australia, Holanda, Hungría, Irlanda Noruega, Brasil e Bélxica coñeceron de primeira man o proxecto do Camiño Inglés. Os participantes percorrero a pé, dende o 29 de novembro ata o 2 de decembro, a distancia que separa a Praza de María Pita na Coruña e a Praza do Obradoiro de Santiago, realizando na capital diferentes actividades culturais e turísticas.

A Deputación da Coruña, representada polo deputado de Economía e Facenda e concelleiro de Oroso, Antonio Leira, participou xunto co concelleiro coruñés Alberto Lema, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, o presidente da Asociación Holandesa de Amigos do Camiño, Joost Bol, e a xerente de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, que foron recibidos polo alcalde da cidade, Xulio Ferreiro. Todas as autoridades recalcaron a posta en valor do Camiño Inglés a través do Fam Trip, 

Durante o seu discurso, o deputado provincial Antonio Leira, destacou a importancia de todas as iniciativas relacionadas coa promoción das rutas xacobeas como "un estímulo económico e cultural" para a provincia. "A Deputación tende a man a todas as administracións para promocionar e difundir conxuntamente o Camiño Inglés, como un itinerario xacobeo singular,o único que discorre íntegramente pola provincia da Coruña", sinalou o deputado.

Leira tamén puxo en valor o importante atractivo turístico e económico que supón este itinerario ao seu paso polos municipios que atravesa, dende a súa orixe na Coruña ou en Ferrol. Finalmente felicitou aos organizadores deste encontro, que congrega a asociacións internacionais. "Agardo sexa un punto de partida para afondar nas relacións entre a Deputación e o resto de administracións co obxectivo de aproveitar o enorme potencial do Camiño Inglés", destacou Leira.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu os participantes no I Encontro Internacional do Camiño Inglés o día dous de decembro. No acto tamén participaron representantes dos catro grupos municipais; o concelleiro de Emprego e Economía Social da Coruña, Alberto Lema, e o deán da Catedral, Segundo Pérez, entre outros.