Galicia-Norte de Portugal, Eurorrexión náutica

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, participa no proxecto europeo Ecodestín asociada coa Rexión Norte de Portugal para a apertura de novos mercados náuticos e a captación de turismo nos portos deportivos de titularidade autonómica. Esta acción enmárcase no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público desenvolve para optimizar os recursos do sector e rendibilizar ao máximo as instalacións náutico recreativas. 

O obxectivo principal do proxecto Ecodestín é diferenciar a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como destino singular náutico e deportivo integrador do importante patrimonio natural e cultural que existe arredor das rías e ríos galegos e portugueses. Así mesmo preténdese ofrecer esta rexión como un destino único, pese a estar integrado por dous países, de cara aos mercados internacionais como o alemán, inglés, escandinavo, francés e americano.

A proposta está liderada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) e Portos de Galicia é a entidade pública con maior investimento, un total de case 540.000 euros sobre un proxecto global de 2,2 millóns. A nivel institucional participan tamén a Fundación Deporte Galego e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

A través desta iniciativa, a Consellería do Mar pretende converter os peiraos nas pontes de acceso ás vilas náuticas e a oferta patrimonial do interior. Ademais preténdese situar as rías galegas como factor de atracción internacional, seguindo a liña dos fiordos noruegueses. Para elo, ademais de participar economicamente no proxecto, promoverá o desenvolvemento de novas ofertas náuticas que teñan como base os portos con valor notable patrimonial.