Galicia navega no Salón Náutico de París

A oferta náutica de Galicia estará presente un ano máis na 54ª edición do Salón Náutico de París, un dos certames máis importantes e coñecidos de Europa que se celebra na capital francesa ata o próximo 11 de decembro. O obxectivo de Turismo de Galicia é promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico-recreativas galegas, a través deste certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.

Turismo de Galicia está presente cun stand de deseño de 48 m2 a través do que dará a coñecer as instalacións e servizos náuticos, así como a oferta turística das entidades e empresas relacionadas con este sector en Galicia. O recinto de promoción do turismo náutico galego posibilita ademais a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visitan a feira.

Por outra parte, a entidade Portos de Galicia está representada tamén no stand de Galicia apoiando a promoción e a consolidación do país como destino náutico de primeira orde internacional.

Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, Turismo de Galicia e Portos de Galicia desenvolverán unha axenda de reunións, na que se inclúen encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios.