Feijóo avanza o inicio da elaboración da primeira Lei de cascos históricos de Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o inicio da elaboración da primeira Lei de cascos históricos de Galicia, co obxectivo de establecer mecanismos que faciliten a recuperación e a dinamización dos núcleos antigos das cidades e vilas de forma compatible cos seus valores culturais. Así o manifestou na I edición dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia.


Logo de precisar ademais que os orzamentos da Xunta de 2017 contarán cun investimento en rehabilitación de vivendas de 39 millóns de euros, Feijóo subliñou que a boa arquitectura achega moito máis que un deleite estético: proporciona calidade de vida, enriquece a nosa cultura e, ademais, funciona como un poderoso activo de dinamización demográfica, económica e turística.

Sobre este aspecto, lembrou que o Goberno galego comezou a elaborar ferramentas para garantir a protección da paisaxe edificada, referíndose á aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio, ao Plan do litoral, á elaboración da primeira Guía de materiais e cores e á Lei do solo; “unha norma que evidencia que os galegos emprendemos un camiño sen retorno cara á calidade, a coherencia e o respecto en todas as formas de intervención no territorio”, abundou.