Cheché Real premiado pola FEHR

Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl), foi premiado pola Federación Española de Hostelería (FEHR) na categoría de Directivo de Asociación Federada dos X Premios Nacionais de Hostelería.

Os Premios FEHR recoñecen, ano tras ano, o labor de establecementos, empresas ou hostaleiros considerados exemplos do sector en aspectos tan diferentes como a innovación, a responsabilidade social, o apoio á cultura, a sostibilidade, o compromiso coas persoas con discapacidade… e pola súa contribución a engrandecer a imaxe do sector e achegar excelentes modelos a seguir.

O premio recibido por Cheché Real é consecuencia da súa traxectoria profesional e da súa impecable defensa da acción asociativa. E chega xustamente cando se cumpren 30 anos do seu ingreso na Apehl.

Tralos seus estudios en Londres e o seu paso por Madrid, Real abriu un negocio de hostalería en Lugo e fíxose cargo do restaurante Mesón de Pallares, propiedade familiar que segue rexentando a día de hoxe. Inmerso de cheo no sector, formou parte da Xunta Directiva da Apehl dende 1990, primeiro como vogal, máis tarde como vicepresidente, durante oito anos, e na actualidade como presidente. 

Este é un recoñecemento sobradamente merecido polo esforzo e traballo dedicados a esta asociación, enfocado en manter o apoio e a colaboración coas administracións, levar a cabo accións formativas, facilitar a incorporación de mozos ao mundo laboral e lanzar as mellores campañas de promoción dos atractivos turísticos e gastronómicos de toda a provincia.