Audas para a reconversión de viñedos

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu en Madrid ao Consello Consultivo de Política Agraria, onde se decidiu o reparto orzamentario das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo, sendo para Galicia un importe de un millón de euros con vistas á vindeira convocatoria. 

Ángeles Vázquez mostrouse satisfeita con esta cifra, pois permite cumprir coas demandas do sector e traballar así na reestruturación dunhas 100 hectáreas no vindeiro ano 2017. A conselleira agradeceulle ao Ministerio que tivera en conta a súa solicitude para poder contar con esta cantidade, xa que o viñedo galego está alcanzando uns puntos álxidos moi importantes e é preciso que o goberno da Xunta siga apostando por este medio de vida, cada vez máis asentado no rural galego.

Estas achegas están cofinanciadas na súa totalidade polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e aplícanse ás superficies de viñedo da comunidade autónoma destinadas á produción de uva para vinificación, nas que se leven a cabo tarefas de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras das técnicas de xestión de viñedos.

A titular de Medio Rural destacou a importancia destas axudas para o noso sector vinícola, pois grazas aos reaxustes estruturais que se levan a cabo conséguese diminuír os custes de produción nas explotacións vitícolas onde predomina o minifundio. Ademais, sinalou que o aumento da profesionalización dos viticultores galegos, así como a potenciación dunha remuda xeracional permite que este sector destaque polo seu peso e calidade tanto no mercado nacional como no internacional. Mostra disto, engadiu, é que o vitivinícola é o eido agroindustrial máis exportador de Galicia, onde na campaña 2014/2015 incrementou as súas exportacións un 104,6% respecto á campaña 2008/2009, o que significa que exporta o 17,5% da produción total.