As neveiras de Fixó, novo reclamo turístico de Forcarei

As neveiras de Fixó situadas no cumio do chairo dos Altos de Rofete, en Forcarei, constitúen un dos elementos etnográficos vinculado ao Mosteiro de Aciveiro máis importantes de Forcarei. Trátase de excavacións feitas en rochas nas que se almacenaba a neve para dispor de xeo na época estival.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa do concello de Forcarei, Belén Cachafeiro, visitaron hoxe as xeleiras no marco do convenio de colaboración asinado entre as dúas administracións para o seu acondicionamento e posta en valor.

As neveiras de Fixó representan un legado de importante valor histórico e etnográfico polo que son merecedoras dun óptimo estado de conservación. Neste senso, a Administración turística considerou de vital importancia o seu acondicionamento e posta en valor para o impulso e promoción do turismo neste concello de Forcarei.

Durante a visita, Nava Castro sinalou que Galicia conta cun rico patrimonio construído así como importantes tradicións, elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo.

Entre as actuacións que se están a levar a cabo, nunha primeira fase se realizou unha escavación arqueolóxica para o coñecemento das técnicas e materiais empregados na súa construción e o establecemento dunha hipótese sobre a súa morfoloxía, tipoloxía e cronoloxía.

Por outra parte, nunha segunda fase, segundo explicou Nava Castro, realizaranse traballos de consolidación na superficie, primando a estrutura existente e sen intervencións directas sobre os elementos construtivos orixinais, de xeito que se cubran unicamente as necesidades de protección, tanto para as propias neveiras como para os visitantes.