As Mariñas incorpora ao seu catálogo de recursos turísticos a Ruta do Impresionismo

A Ruta do Impresionismo das Mariñas, que acaba de ser presentada, ten un gran potencial para incrementar o turismo na zona e está postulada a converterse en Itinerario Cultural Europeo en 2017. Así o expuso o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez na presentación da mesma, acto no que tamén participaron o presidente do Consorcio As Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e o alcalde de Sada, Benito Portela Fernández.

A Ruta do Impresionismo das Mariñas é froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e o Consorcio As Mariñas. O seu obxectivo é poñer en valor a obra de Francisco Llorens como o pintor das Mariñas e difundir o patrimonio natural, cultural, paisaxístico e turístico deste xeodestino. 

A Ruta está centrada na figura do pintor Francisco Llorens, un dos paisaxistas de referencia na historia da arte do século XX en Galicia polo peso que a Comunidade ten na súa obra e que recolleu nas súas obras diferentes puntos das Mariñas como a Ponte da Pasaxe, Oleiros, Sada, Betanzos, Mera ou O Pedrido. 

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no que vai de ano este xeodestino da Coruña e As Mariñas rexistrou un incremento do 10,28% en canto aos viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros e superou nun 2,99% as pernoitas rexistradas en relación ao mesmo período de 2015. Ademais, o turismo internacional experimentou un crecemento superior ao 5%.