80.000€ para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, aprobou un total de 458.458 euros en axudas destinadas a dezasete actuacións en materia de termalismo, cooperación benestar, cultura e deportes, tal e como informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da institución provincial, Montserrat Lama, ao termo da reunión.

No tocante a termalismo aprobáronse as bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións destinadas ao fomento do termalismo saudable e a cultura termal, correspondente ao exercicio 2017 e cun fondo de 80.000 euros. Este programa, que se enmarca na estratexia "Ourense, provincia termal", establece dúas grandes liñas de subvención. Por unha banda, o fomento do uso dos servizos dos establecementos balnearios da provincia por parte de persoas maiores de 50 anos, na procura de incentivar a súa calidade de vida e benestar, e a potenciación da cultura termal, pero desta volta para a poboación en xeral.

En 2017, o programa inclúe ao balneario de Cortegada e tamén está prevista a incorporación do balneario de Partovia, de tal modo que se dará cobertura a todos os establecementos balnearios que estean en activo na provincia. Ademais, en atención ás demandas do sector, o programa especializarase en "tratamentos balnearios", o que permitirá atender as patoloxías con maior demanda e nas instalacións máis especializadas. Tamén se regulan por vez primeira a duración das estancias, de modo que xunto á tradicional de 6 días/5 noites incorpórase a de 14 días/13 noites, co fin de facilitar o tratamento de patoloxías que precisan deste tempo para a aplicación das técnicas balnearias.