Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura en Barcelona

O Centro Galego de Barcelona acolleu unha nova sesión das Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura. Promovidas polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro e apoiadas polo Vicerreitorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Dieta Atlántica, están coordinadas polo profesor e historiador Xavier Castro. Unha acción que se suma á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes.

A primeira das conferencias multimedia e presentación do viño da D.O. Ribeiro cervantino fóra de Galicia tivo lugar nas instalacións do Centro Galego de Barcelona. Consistiu nun percorrido pola historia da comarca do Ribeiro e a súa vinculación cos grandes literatos nacionais. Acudiu o presidente do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete e o evento estivo arroupado polo coro Lonxe da Terra. 

Esta conferencia multimedia estivo a cargo de Xavier Castro, catedrático e historiador especialista na historia do viño. Pola súa banda, Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro encargouse da presentación e cata do viño especial da D.O. Ribeiro en homenaxe a Cervantes.