Valdeorras estrea campaña promocional

O presidente do Consello Regulador, Francisco García, presentou a imaxe gráfica e a filosofía dunha campaña promocional dos viños de Valdeorras que se activará, durante un mes, nas principais cidades galegas. A campaña fai fincapé “no saber facer dos profesionais do viño de Valdeorras. Unha forma de elaborar que se traduce no excelente produto que supoñen os nosos brancos e tintos”, afirmou García. 

A iniciativa promocional leva como eslogan Un saber facer único e pon en valor un modo de elaborar que ten permitido que os “viños da nosa D.O. se sitúen como os terceiros mellor valorados de España, por tras dos de Priorat e Jerez na Guía Peñín. 

A gráfica da campaña presenta unha ilustración a partir de elementos ligados ao eido do viño, pero cun tinte fantástico. Pretende causar un efecto sorpresivo a través da asociación visual de dúas imaxes que asocian libremente conceptos ligados e á vez contrapostos.Trátase de ilustracións con obxectos únicos e imaxinarios, a modo de greguería gráfica.

“O obxecto resultante é un abridor que na súa parte inferior ten follas de vide, en lugar de sacarrollas. Un obxecto único como único é o noso saber facer”, puxo en valor Francisco García.

Esta imaxe situarase durante un mes, ata o vindeiro 21 de decembro, nas traseiras e tamén, nalgúns casos, nos laterais das flotas de buses urbanos de diferentes liñas que transcorren polas sete cidades galegas: tres liñas en Vigo, unha en Ferrol e dúas en cada unha das urbes restantes. Xunto a isto, esta mesma imaxe será a protagonista da valla exterior que está enfrente ás instalacións do Consello Regulador. E, en paralelo, acompañarase coa retransmisión dun pequeno vídeo promocional dos nosos viños que poderá visionarse en pantallas emprazadas no centro de Santiago durante dous meses.