O Colexio de Educación Infantil e Primaria Domingo Fontán, en Portas –Pontevedra- acolleu a iniciativa Un caderno no Camiño, un conxunto de actividades dirixidas a alumnos de primeiro ciclo de primaria baseadas na realización da Ruta Xacobea a través da historia de Sophie, unha nena francesa que nas vacacións de verán emprende a peregrinación a Compostela acompañada do seu avó galego.
O proxecto, promovido por Turismo de Galicia, ten como obxectivo que os máis pequenos descubran o Camiño de Santiago e a peregrinación así como a importancia deste recurso turístico como fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica. Para isto, a acción inclúe unha publicación dixital interactiva, Sophie no Camiño e dous cadernos de actividades, un para os alumnos e outro para os docentes.
O libro interactivo conta a historia de Sophie e as vivencias que experimenta no verán no que realiza o Camiño Francés a Santiago acompañada do seu avó. Así mesmo, describe aspectos da historia, costumes, gastronomía e patrimonio que rodean á Ruta Xacobea. A publicación contén as aventuras literarias das personaxes e está enriquecida con fotografías, debuxos, mapas e hipervínculos para acceder a información adicional.
O caderno de actividades dirixido aos alumnos
amplía os contidos do libro con documentación sobre recursos culturais,
artísticos, patrimoniais, gastronómicos e naturais dos lugares polos que pasan
os peregrinos na realización do Camiño. Pola súa parte, o caderno para docentes
propón diferentes traballos para realizar cos alumnos na aula.
A actividade desenvolveuse xa en escolas de seis municipios galegos polos que transcorren
diferentes itinerarios da Ruta Xacobea, concretamente nos concellos de
Barreiros e Abadín, en canto ao Camiño do Norte; en Guntín e Baleira, no Camiño Primitivo; en
Arzúa, no Camiño Francés; e en Portas, no Camiño Portugués.
Nas próximas semanas visitará os municipios de Mesía, no Camiño Inglés;
Toques e Friol, no Camiño Primitivo, Boimorto, Guitiriz, Begonte e Mondoñedo,
no Camiño do Norte; Negreira, na Ruta Fisterra-Muxía; e Laza, na Vía da Prata,
entre outros.