Quinta do Rebolo, protagonista na terceira xornada do ciclo “Cata a Arte”

Quinta do Ribeiro, colleiteiro da D.O. Ribeiro dende 2013 presentou os seus viños monovarietais Quinta do Rebolo Treixadura, Godello e Mencía na terceira xornada do ciclo “Cata a Arte” da man de Alejandro González e Iván Vázquez Pateiro, socio e enólogo da adega respectivamente, acompañados das artes escénicas de Paula Quintas e Marta Alonso. O evento tivo lugar na planta baixa do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, rodeado da exposición fotográfica Arcadia, de Aida Pascual.

Durante a acción cultural, a bailarina, aramista circense e coreógrafa visual, Paula Quintas e a bailarina, creadora e docente multidisciplinar relacionada co teatro físico e o circo, Marta Alonso, fixeron emocionar ás máis de 100 persoas asistentes ao evento co seu vistoso espectáculo en dous tempos, que mesturou as artes da danza, performance e o circo.

Nesta terceira edición, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colabore cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoien esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño da adega participante e merchandising vario.

O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.