Pazo Casanova Cata a Arte

A adega Pazo Casanova presentou os seus viños Casanova, Pazo Casanova e Finca Viñoa da man do seu director comercial, David Barco, para un fiel público na cuarta das accións do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, os viños estiveron acompañados pola música jazz dos artistas Virxilio da Silva e Álex Salgueiro. O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu novamente este evento, integrándose no espazo da exposición fotográfica Arcadia, de Aida Pascual.

Durante as súas dúas intervencións, os músicos Virxilio da Silva á guitarra e Álex Salgueiro ao órgano hammond ofreceron un intenso concerto abranguendo distintas épocas do jazz. Unas sesións musicais emocionantes que harmonizaron á perfección cos tres viños da adega para os preto de 150 asistentes ao evento.

Nesta terceira edición, incluíuse un elemento novidoso, o de que cada asistente colabore cun donativo solidario dirixido integramente para a ONG Down Ourense, asociación que ten por filosofía o apoio a servizos que potencien a autonomía e independencia das persoas con síndrome de down, dentro dun entorno normalizado. A todas as persoas que apoien esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño da adega participante e merchandising vario.

O ciclo celebrarase todos os xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 27 de outubro ata o 1 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais paralelas.