O GALP Mariña-Ortegal promove a fabricación, distribución e venda de bombóns de mar

A Consellería do Mar impulsará 72 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), por un importe de 4,6 millóns de euros e que suporán a creación de máis de 60 postos de traballo. Logo de que o pasado 23 de febreiro os grupos asinaran os convenios de colaboración para desenvolver as súas estratexias de dinamización económica e social, o Consello da Xunta acaba de coñecer a resolución das axudas para que os GALP desenvolvan proxectos que beneficien as súas zonas, destacando entre os proxectos que recibirán o apoio, no GALP Mariña-Ortegal, a fabricación, distribución e venda de bombóns de mar, elaborados con algas e cítricos.

No GALP Golfo Ártabro Norte levarase a cabo a instalación de tres ramplas ao final do río Eume, para que as persoas con discapacidade poidan facer unha inmersión no entorno das Fragas do Eume. No GALP Costa da Morte, subvencionarase a conversión dunha antiga fábrica conserveira nun espazo expositivo sobre a conserva en Camariñas e, no GALP Seo de Fisterra – Ría de Muros e Noia crearase unha sala de elaboración de conservas artesanais con produtos das rías da zona.

O turismo tamén estará presente noutra iniciativa do GALP ría de Arousa, que inclúe a realización de rutas nunha embarcación para a promoción da pesca costeira artesanal na ría de Arousa, contando coa colaboración dos barcos e mariscadoras que traballan no sector.

Por último, no GALP Ría de Vigo – A Guarda analizarase o traballo pesqueiro das confrarías da zona no ámbito das augas do Parque Nacional Illas Atlánticas. Este proxecto inclúe a elaboración dun documento de diagnose que recolla a dependencia socioeconómica das confrarías das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo no ámbito das augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas e implantarase un proxecto de xestión das algas procedentes da limpeza dos bancos marisqueiros do litoral de Vilaboa.