Noriko Hashizume, catro días percorrendo Galicia

Noriko Hashizume, xornalista xaponesa especializada en temas relacionados coas viaxes, iniciou unha visita de catro días á Comunidade galega para coñecer parte da súa oferta turística e a artesanía galega.

Esta viaxe, organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia e a Oficina de Turismo de España en Toquio, levará a esta profesional da comunicación nipoa a coñecer distintos aspectos turísticos de Galicia así como os principais traballos dos artesáns galegos.

Ademais, está previsto que esta xornalista manteña un encontro con representantes das institucións galegas para promover un intercambio cultural entre Xapón e Galicia, sobre todo no relacionado co traxe tradicional de ambos os territorios.

O mercado turístico xaponés incrementou, con preto de 12.000 viaxeiros e máis de 18.000 pernoitas, nun 4,2% os seus niveis de demanda do pasado ano nos primeiros nove meses deste ano 2016.

En canto aos peregrinos xaponeses, en 2015 selaron a súa Compostela un total de 1.197. Neste ano, esta cifra vai en aumento, e no que vai de 2016 chegaron xa a Galicia 1.381 peregrinos xaponeses, o que supón un incremento do 15,37% en relación ao mesmo período de 2015.