Este xoves arranca unha nova edición de Santiago(é)tapas

Este ano 68 locais participarán no Santiago(é)tapas, que celebra a súa novena edición, cun total de 104 tapas, que como se ven facendo dende hai anos pasaron un proceso de preseleción previo para garantir que todas as tapas cumpren cos niveis de calidade esixidos polo concurso.

Nas oito edicións celebradas, Santiago(é)tapas superou xa as 245.000 tapas vendidas; e rematou a octava con máis de 31.000 tapas consumidas nos 69 locais participantes nesa edición. Estas cifras ratifican o evento non só como promotor da gastronomía local como atractivo turístico, senón tamén como dinamizador do consumo e incentivo de calidade para a hostalería.

A nova edición de Santiago(é)tapas continúa cos elementos distintivos do concurso. O obxectivo fundamental da organización é consolidar o evento en novembro, en paralelo a Cineuropa, como reclamo turístico que combina cine e gastronomía nun mes no que descende a afluencia de xente a Santiago. Trátase así dunha medida encamiñada a reducir a estacionalidade da demanda turística de Compostela.

Por segunda edición, Santiago(é)tapas está organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Conta ademais co patrocinio de Cash Récord, Coca Cola e Mil Ríos, a colaboración especial de Estrella Galicia – Cabreiroá e a colaboración do Obradoiro, Carrís Hoteles e Transportes Mosquera.