Entrada gratuíta os Museos Científicos de A Coruña ata o domingo 13

Desde o próximo luns, día 7, ata o domingo 13 de novembro, a entrada será totalmente gratuíta na Domus, Casa das Ciencias e Aquarium Finisterrae, de xeito que todos os públicos disporán a semana que vén dunha nova oportunidade para visitar as exposicións temporais e permanentes e para explorar as distintas iniciativas interactivas que propoñen estes centros especializados na divulgación da cultura científica.

É así como os Museos Científicos Coruñeses celebrarán a Semana Internacional, contemplando sete xornadas seguidas de portas abertas. Esta proposta da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área dirixida por José Manuel Sande, nace coa finalidade de facilitar á cidadanía a ocasión de participar nas actividades especiais programadas arredor desta efeméride. 

A Semana da Ciencia terá o seu fito principal na mañá do sábado 12, coa cerimonia de entrega de premios da última edición dos Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, os recoñecementos aos mellores traballos no eido da difusión da cultura e a educación científica do último ano. O acto, que terá lugar no Pazo de María Pita, porá en valor os seis proxectos mellor valorados polo Xurado desta edición, na que a revista Astronomía recibirá un premio especial pola súa traxectoria.