Cifras record no Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

Este sábado finaliza o Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, durante o que, por primeira vez na Historia e por expreso desexo do Papa, se abriu por primeira vez a Porta Santa fóra dun Ano Santo. O seu peche marca o fin dun fito que supuxo un gran reclamo para a Ruta Xacobea, para Santiago e para Galicia.

O Ano da Misericordia impulsou as boas cifras de chegada de peregrinos e outros turistas que viña rexistrando Galicia. Deste xeito, contribuíu a bater as espectaculares cifras de peregrinos do Ano Santo 2010 e a acadar as 271.000 Compostelas expedidas no que levamos de ano. 

Ademais, esta celebración tamén axudou a que nos esteamos aproximando ao ambicioso obxectivo dos cinco millóns de viaxeiros aloxados na nosa comunidade durante o 2016. A demanda turística rexistrou nos nove primeiros meses deste ano subas do 7,4% no que se refire ao viaxeiros aloxados e do 9% en relación ás pernoitas, das que chegamos a 8,4 millóns.