As denominacións galegas vendimaron case 60 millóns de quilos de uva

Segundo datos facilitados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a pesar das condicións adversas marcadas polos ataques do fungo mildeu e polo pedrazo que afectou a zonas de Valdeorras e a Ribeira Sacra, as 5 denominación de orixen galegas pecharon a vendima deste ano con case 60 millóns de quilos de uva e de boa calidade, o que supón a terceira colleita máis abondosa dos últimos dez anos.

A pesar das previsións, que apuntaban a un descenso do 20% na cantidade de uva vendimada, a campaña pechouse cunha diminución de só un 6% fronte ao ano pasado.

Do total colleitado o 84% da uva pertence a variedades brancas e o 16% a uvas tintas: a uva Albariño supón máis dun 65% do total de uva branca, a Treixadura case un 12% e a Godello en torno a un 11%; e de entre as uvas tintas, a Mencía supón máis do 79% do total.

Logo da avaliación dos datos por denominacións de orixe, Rías Baixas vendimou un 56% do total recollido en Galicia, colleitando un 5% máis que a campaña anterior e consolidándose como a denominación que máis quilos de uva apañou.

A DO Ribeiro colleitou en torno ao 20% do total, á DO Ribeira Sacra algo máis do 9%, a DO Valdeorras colleitou en torno ao 8% e a DO Monterrei sitúase en máis dun 7% do total.