A Consellería do Mar apoiará a pequenas e medianas empresas do sector para acudir a dez feiras sectoriais e alimentarias

No ano 2017 a Consellería do Mar apoiará a pequenas e medianas empresas do sector transformador de produtos do mar para acudir a dez feiras sectoriais e alimentarias. Entre elas a Seafood de Bruxelas, Conxemar, Anuga, en Colonia; Tuttofood, en Milán; Salón Gourmets en Madrid; Expomar, en Burela ou o Forum Gastronómico da Coruña. Tamén certames en Boston, Hong Kong ou Mindelo, en Cabo Verde. Así sinalou a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, na Coruña na inauguración da III edición de Exporpymes. 

A través da súa presenza nestes encontros e do centro de negocios que habilita a Consellería do Mar neles, subliñou Isabel Concheiro, as pemes poden dar a coñecer os seus produtos e establecer contactos con potenciais clientes co obxectivo de reforzar ou iniciar a súa internacionalización. 

Ademais, a secretaria xeral técnica destacou a contribución da Consellería do Mar á modernización e innovación tecnolóxica da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar. Un cometido ao que destina 100 millóns de euros a través do Fondo Europeo Marítimo da Pesca ata o ano 2020.