Viño e literatura, maridaxe do C.R.D.O. Ribeiro

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro organiza as Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura en homenaxe a Miguel de Cervantes Saavedra, coa colaboración do Vicerritorado de Cultura da USC, sendo o coordinador Xavier Castro. O evento levarase a cabo no Vicerritorado de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC (Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega), situado na rúa Casas Reais, 8 – Santiago de Compostela. Participarán na presentación aos medios de comunicación: a vicerrectora da USC, Mª Dolores Álvarez Pérez, o coordinador das xornadas, Xavier Castro, a xerente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá e o poñente e catedrático de xeografía física da USC, Augusto Pérez-Alberti.

As Xornadas de Outono: Cultura do Viño e Literatura súmanse á conmemoración dos 400 anos da morte de Miguel de Cervantes. Na obra do xenio das letras hispánicas (en El coloquio de los perros e El licenciado Vidriera) aparece mencionado e ponderado o viño do Ribeiro, elaborado nunha das comarcas productoras máis antigas e prestixiosas de España e, sen dúbida, unha das marcas que máis acaidamente encarnan a representación da identidade simbólica de Galicia. Esta proposta cultural posúe un carácter interdisciplinar e consistirá na celebración que terá lugar en varias cidades galegas e tamén en Madrid e Barcelona, de mesas redondas, conferencias multimedia e outros actos conmemorativos, nos que intervirán recoñecidos especialistas na cultura e historia do viño e a literatura. En todas estas actividades presentarase unha edición especial dun viño do Ribeiro etiquetado ad hoc para esta conmemoración cervantina.