Vigo, porto Blue Growth

O director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE), João Aguiar, felicitou ao Porto de Vigo polo traballo desenvolvido dentro da estratexia Blue Growth (Crecemento Azul) establecida a longo prazo pola Unión Europea para apoiar o crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo. Así o manifestou durante a entrevista que mantivo en Bruxelas coaconselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga.

Ambos informaron ao director xeral da Comisión Europea que o desenvolvemento da iniciativa Blue Growth do Porto de Vigo supuxo a constitución de grupos de traballo que contaron coa participación de máis de 250 persoas. Destes grupos de traballo, explicou Rosa Quintana, xurdiron 38 proxectos, algúns deles xa redactados e presentados a convocatorias, e outros en elaboración. Tamén deron pé a 44 accións, algunhas xa rematadas e outras en desenvolvemento. 

A isto engadiu que estes proxectos e accións suporían máis de 200 millóns de euros de investimento e explicou que para eles hai financiamento público, xa que se presentarán a diferentes convocatorias, e financiamento privado. Neste sentido, a titular de Mar en funcións subliñou que é necesaria a implicación do Banco Europeo de Inversións e da Comisión Europea naquelas liñas susceptibles de recibir financiamento.