Viaxe de familiarización de xornalistas galegos ao norte de Portugal

Galicia e o norte de Portugal programaron distintas accións para a promoción turística conxunta desta eurorrexión froito do acordo asinado o pasado ano entre Turismo de Galicia e Turismo do Porto e Norte de Portugal, polo que se desenvolverá un programa de viaxes de familiarización para profesionais do turismo e da comunicación de ambos territorios, así como a posta en valor do Camiño portugués e a coordinación doutras iniciativas en materia de estatística, información e desenvolvemento tecnolóxico no eido do turismo.

Neste marco, establécese unha dinámica de intercambios regulares, dentro das relacións impulsadas pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a súa Agrupación Europea de Cooperación Territorial ao obxecto de colaborar en materia turística.

Así, entre as accións previstas neste acordo está, entre outras, a organización de viaxes de familiarización para que axentes turísticos e xornalistas portugueses poidan coñecer a oferta turística de Galicia e viceversa.

Deste xeito, entre o domingo e o día 4 de outubro, un grupo de cinco xornalistas e bloggers galegos especializados en viaxes e turismo poderán coñecer parte da oferta e dos recursos turísticos do Norte de Portugal nunha viaxe de familiarización organizada ao abeiro do acordo de colaboración entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal.