Turismo de Galicia vende natureza a operadores británicos

Un grupo de 13 operadores turísticos británicos especializados en turismo de natureza teñen estes días a oportunidade de coñecer a oferta turística galega nunhas xornadas de promoción inversa que se celebran desde onte en Cangas de Onís (Asturias).

Organizadas por Turespaña, contan coa participación das empresas de Gran Bretaña especializadas na organización de viaxes relacionadas coa natureza Intrepid, Ramblers, Sunvil, Wildlife Worldwide, Adventures Alternative, Bird holidays, Caspin Journeys, Exodus, Explore, Far and Ride, Gourmet Birds, Headwater e Inntravel.

Nesta xuntanza profesional, Turismo de Galicia presenta os produtos máis senlleiros do destino Galicia no ámbito da natureza, relacionados cos espazos naturais, o sendeirismo, a ornitoloxía, deportes nas contornas naturais e mesmo o Camiño de Santiago.

Así, os operadores turísticos británicos especializados coñecerán a oferta relacionada coas actividades deportivas e de ocio que se poden practicar en Galicia neste ámbito, ademais de achegarse ás posibilidades que presenta a nosa comunidade autónoma.