Segue a colaboración entre Medio Rural e a Feira Internacional de Galicia

A Consellería do Medio Rural e a Feira Internacional de Galicia Abanca continuarán colaborando o vindeiro ano na organización de diferentes certames relacionados co agro galego. A conselleira en funcións, Ángeles Vázquez, reuniuse co director xeral da institución feiral, Ricardo Durán, para planificar e deseñar as liñas de cooperación entre ambas entidades en relación co calendario de certames de 2017 vinculados co medio rural.

O evento máis importante será, unha vez máis, a Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que este ano acadará a súa edición número 40 e que terá lugar entre o 8 e o 11 de xuño. A colaboración tamén se centrará na organización do 21º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se celebrará nas mesmas datas, e na feira Cimag-Gandagro, prevista para os días 25, 26, 27 e 28 de xaneiro.

A titular de Medio Rural destacou que estes certames contribúen a poñer en valor o noso medio rural e facilitan o intercambio de ideas e experiencias entre os diferentes axentes do sector, así como o coñecemento dos avances tecnolóxicos, algo que resulta fundamental para promover o seu progreso e desenvolvemento.