Buscar/Hemeroteca

domingo, 23 de octubre de 2016

Santiago xa superou a cifra de peregrinos de 2015

A Oficina de Acollida ao Peregrino rexistrou entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro un total de 262.913 peregrinos que recolleron a Compostela tras teren percorrido algunha das Rutas Xacobeas. Isto supón que na terceira semana do mes de outubro de 2016 xa se teña superada a cifra global de peregrinos chegados durante todo o ano pasado, que alcanzou os 262.515 camiñantes.

Deste modo, a cifra global de peregrinos que se animaron a recoller a Compostela en comparación co mesmo período de 2015 alcanza unha suba do 5,22%, con máis de 13 mil peregrinos recibidos máis que entre o 1 de xaneiro e o 22 de outubro do ano pasado.

Estes resultados corroboran que o Camiño de Santiago é a nosa icona máis universal, o noso principal produto turístico e o eixe vertebrador da cultura europea dado que as Rutas Xacobeas están a experimentar un auxe constante.

No que vai de ano, chegaron a Compostela un total de 118.664 peregrinos procedentes do territorio español, isto é, o 45,13% dos peregrinos. Un total de 144.249 peregrinos foron estranxeiros, en total un 54,87% dos peregrinos que chegaron a Santiago neste período procedían doutros países. 

En total contabilizáronse 168 nacionalidades diferentes. En concreto, e por esta orde, os grupos de peregrinos máis numerosos procederon tras España de Italia, Alemaña, EEUU, Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido, Australia, Canadá, Brasil, Corea, Polonia, Holanda, Dinamarca e México. 

En total, en comparación cos rexistrados no mesmo período de 2015, chegaron a Compostela 11.876 peregrinos estranxeiros máis. Onte mesmo, chegaron a Santiago un total de 1.075 peregrinos, dos cales 611, isto é o 56,84%, foron estranxeiros. 

Por camiños, as cifras de peregrinos rexistradas neste período ten sido: 165.934 no Camiño Francés; 49.746 no Camiño Portugués; 16.566 no Camiño Norte; 11.488 no Camiño Primitivo; 9.278 no Camiño Inglés, 8.504 na Vía da Prata e 265 no Camiño de Inverno. Pola Ruta Fisterra-Muxía cara Santiago discorreron 716 peregrinos e por outras rutas chegaron 412.



No hay comentarios: