Rubias galegas para namorar aos británicos

Estes días trasladáronse a Galicia un grupo de cociñeiros ingleses para coñecer de primeira man as calidades da carne de Rubia Galega, principalmente, e da Frieiresa e Vienesa. 

Da man da distribuidora de produtos cárnicos Discarlux e da Consellería do Medio Rural, un grupo de cociñeiros de catro famosos restaurantes londinenses -Beast Restaurant, Goodman Restaurant, Lurra e Donostia- visitaron as granxas de Juan Luis Mantiñán, na provincia da Coruña, que se caracterizan precisamente pola cría de bois en liberdade.

Posteriormente puideron coñecer o funcionamento de pequenas explotacións familiares para ver o mimo e coidado co que tratan aos animais. Finalmente degustaron estas viandas e analizaron as súas calidades gustativas e sensoriais. A carne de Rubia Galega está moi ben valorada no país anglosaxón e o seu prestixio está en alza entre os consumidores.