o tráfico de mercadorías aumenta nos peiraos autonómicos

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual de máis dun 7% ao peche do terceiro trimestre do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de setembro, o movemento de mercadorías acumulado nos 9 primeiros meses de 2016 situouse en 1,26 millóns de toneladas, fronte ao 1,17 do pasado ano. 

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con máis de 403.000 toneladas acumuladas nos tres primeiros trimestres de ano; Ribadeo, con máis de 347.000 toneladas; e Brens-Cee, con preto de 263.000 toneladas. Ademais destaca o incremento de actividade do peirao de Viveiro-Celeiro, que rexistrou unha suba do 30% respecto ao acumulado no mesmo período de 2016, ao pasar de 94.500 a preto de 123.000 toneladas.

Polo que respecta ao mes de setembro, os portos de maior actividade foron tamén Ribadeo, Cariño e Cee, con preto de 43.000, máis de 36.300 e máis de 19.700 toneladas, respectivamente. 

En canto á pesca fresca, ata setembro deste ano, descargáronse nos peiraos autonómicos máis de 80.300 toneladas de peixe. A instalación que máis peixe fresco descargou ao peche do terceiro trimestre foi a lonxa de Ribeira, con máis de 22.300 toneladas, seguida de Burela, con preto de 19.300 e Celeiro, con preto de 12.000.