O San Froilán no cupón da ONCE

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, presentaron o cupón dedicado ao San Froilán 2016 cunha réplica do orixinal enmarcada.

Carmen Basadre destacou a “importante oportunidade que nos ofrece o cupón da ONCE para proxectar a imaxe da cidade de Lugo, xa que está comercializado por 20.000 vendedores en toda España”.

Pola súa banda, Manuel Martínez, agradeceu “a implicación do Concello coa ONCE, mellorando a calidade de vida das persoas con discapacidade visual e favorecendo a accesibilidade universal”.

A ONCE dedica o cupón do sorteo, que se realizará o próximo mércores 5 de outubro, cun total de cinco millóns e medio de cupóns que difundirán a imaxe destas Festas de Interese Turístico Galego e Nacional por toda España.

Este cupón foi o número 13 dos dedicados especificamente á cidade de Lugo, ás súas tradicións, ás súas institucións e ás súas xentes, desde que a finais dos anos noventa do século XX, a ONCE introducise ilustracións no cupón. Dende o ano 2000, a ONCE dedicou tres cupóns á Muralla Romana, ao Arde Lucus, ás Termas Romanas, ás polbeiras e á moeda que lle dedicou a Real Fábrica de Moeda e Timbre á cidade, entre outros.