Música na ruta dos mosteiros ourensanos

O programa “Música na ruta dos mosteiros” encherá de vida Mosteiros da provincia de Ourense, a través de concertos ofrecidos por corais, así como unha presentación da historia destes emblemáticos edificios do noso patrimonio. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o presidente e o membro do Coro de Cámara de Música Viva, Antonio Rey e Manuel Ulloa, respectivamente.
Este programa ten, polo tanto, dúas vertentes, por unha parte aproveitando a sonoridade e acústica dos recintos, ofreceranse concertos no que participen corais tanto da provincia como do resto de Galicia. Nestes concertos “mesturarase a música sacra, a música popular e a música do momento actual, todo elo para que os Mosteiros teñan vida diaria”, dixo Antonio Rey. E, outra parte previa aos concertos, na que se realizará unha exposición para presentar a historia do Mosteiro (o estilo, a traxectoria, os inicios). 

Os mosteiros elixidos para este ciclo de concertos son o de San Clodio de Leiro, o día 23 de outubro; o de Santa María, Montederramo, o día 30 de outubro; o de Oseira, en Cea, o día 20 de novembro; e o de San Rosendo, en Celanova, o día 27 de novembro, todos eles ás 18.30 horas “con percorridos incluídos, para que a música sexa máis máxica e integremos os mosteiros na nosa cultura”, sinalou Manuel Ulloa.