Marca de calidade Produto do Eume

A conselleira do Medio Rural en funcións, Ángeles Vázquez, sinalou a importancia competir no mercado nacional e internacional pola vía da distinción da calidade dos nosos produtos, co fin de atender así ás demandas cada vez máis esixentes dos consumidores. Así o destacou esta tarde no concello da Capela durante a presentación da marca de calidade ‘Produto do Eume’.

A conselleira subliñou que esta diferenciación do produto é fundamental e que, por iso, iniciativas como a que hoxe se presentou van contar sempre co apoio do Goberno galego. Destacou a súa base local, tanto no que atinxe á produción como á distribución. Esta característica, dixo, favorece o emprego no territorio á vez que respecta o medio ambiente e a paisaxe. 

Neste senso, engadiu que o seu departamento ten en marcha unha serie de axudas que precisamente permiten impulsar a promoción e o apoio á comercialización dos produtos de calidade, xunto con outras destinadas á mellora e modernización das explotacións e das industrias, co obxectivo de alcanzar os mercados nacionais e internacionais.

Ángeles Vázquez matizou que é preciso dotar de medidas e apoios ao sector agroalimentario galego, xa que a súa incidencia económica e social é moi alta na nosa Comunidade, cunha produción certificada de 300 millóns de euros, con 30.000 produtores e preto de 800 industrias. Por iso subliñou que é preciso aumentar o tamaño das explotacións, para así orientar a súa produción cara produtos de calidade certificada e abrir novos mercados.