Máis promoción con Nove

Turismo de Galicia e o Grupo Nove Cociñeiros -sempre son os mesmos- poñen en marcha diversas accións promocionais no norte de España co obxectivo de reforzar a presenza da marca Galicia e da súa enogastronomía fóra da nosa comunidade.

As actividades, que terán lugar neste mes de outubro e comezos de novembro, son unha continuación das xa celebradas en Madrid, Barcelona e San Sebastián no marco do convenio de colaboración que manteñen Turismo de Galicia e o Grupo Nove.

Así, co lema Achégache a Galicia, achégache a Nove, a asociación de cociñeiros trasladarase a algunhas das cidades da península máis próximas a Galicia cunha moderna unidade móbil dotada de cociña e zonas de degustación, multimedia e expositiva, para difundir as últimas tendencias da cociña galega de autor.

A primeira visita desta viaxe gastronómica comeza hoxe en Xixón, concretamente na Praza do Marqués, e continuará en Oviedo, o próximo luns 10, na praza Porlier. A ruta gastronómica tamén se trasladará a Santander -17 de outubro-, Valladolid -24 de outubro-, Ponferrada -31 de outubro- e Salamanca -7 de novembro-, reforzando a marca Galicia nos principais destinos emisores de turistas á Comunidade autónoma galega.